O presidente da Fegamp, Alberto Varela, no seu despacho de alcalde no Concello de Vilagarcía. MONICA IRAGO
O alcalde de Vilagarcía urxe «máis financiamento» aos concellos no inicio do seu novo mandato hoxe á fronte da Fegamp
15 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela (1975), convértese hoxe no primeiro presidente da Fegamp en revalidar o seu cargo. Será na novena asemblea da institución, en Santiago, logo de ser proposto o pasado sábado pola dirección do PSdeG. «É unha honra, pero tamén unha gran responsabilidade ser a voz dos alcaldes e alcaldesas», recoñece agradecido, despois de lembrar as crises ocasionadas pola pandemia e a guerra de Ucraína no anterior mandato.
—Agora estamos nun período diferente.
—No que poñen o foco nos máis de 600 millóns de déficit que, segundo calculan, sofren por asumir competencias impropias.
—Os concellos estamos agora nunha situación insostible. Servizos como o de axuda ao fogar (SAF) ou a dependencia recaen en gran parte nos concellos e afogan as nosas arcas. Se non poñemos fin a todo isto, nin as competencias que asumimos que non son nosas, hai moitos servizos públicos en situación de risco. Son 600 millóns e cónstame que a Xunta cuestiona esa cifra, pero nós somos os únicos en calculalo.
—Cal é o horizonte para os concellos se non son sostibles?
—Dicir que non podemos seguir prestando ese servizo. Se usamos os nosos recursos para tapar carencias doutras Administracións, non temos fondos necesarios para as nosas competencias. É obvio que precisamos máis financiamento. Esta é a última chamada de atención porque, se non, haberá servizos que vai ser imposible seguir prestando. Estanse tapando con parches. Moitos concellos renuncian a horas extraordinarias de dependencia porque non poden pagar as ordinarias.
El presidente de la Fegamp acusa a la Xunta de provocar un déficit de 600 millones a los concellos por asumir competencias impropias
—É insuficiente o incremento de 12 euros por hora da Xunta para financiar a prestación do SAF?
—É que non é certo que a Xunta fixese iso. Non hai máis que mirar os Orzamentos para darse conta de que eses 12 euros, que en total supoñen 120 millóns, máis de 60 corresponden ás transferencias finalistas do Estado e 40 á comunidade autónoma. Os concellos aportamos uns 200 millóns á atención de xente nos seus domicilios. Nós convidamos a empresas, sindicatos, Estado e Xunta a sentarse nunha mesa para abordar o financiamento deste servizo que non pode recaer nos concellos.
—Non é o único cisma coa Xunta sobre o marco competencial de cada Administración.
—Tapamos gretas doutras Administracións. Seguimos sen resolver os servizos de drogodependencia ou o mantemento dos centros educativos, que estaba asinado no pacto local do 2006 que se ía facer con cargo á Xunta. Por agora só se conseguiu a limpeza dos centros, pero o mantemento segue a cargo dos concellos con fondos e persoal propio.
—A Fegamp encargou un informe para definir eses límites e a Xunta un propio. Houbo avances na comisión técnica que crearon ambos para resolver o conflito?
—O éxito destas mesas de auditoría e negociación verémolo ao final. Nesta nova análise hai que chegar a un diagnóstico, pero nós temos claro que a finalidade é que os concellos teñamos o financiamento correspondente para aquelas competencias impropias ou que veñan novas.
—Tamén denuncian a conxelación do Fondo de Cooperación Local.
—Leva dende o 2010 conxelado en 112 millóns para toda Galicia. Poño como exemplo a Vilagarcía, que é extensivo ao resto de concellos. Con criterios obxectivos, recibo do Estado o 30 % do meu orzamento, pero da Xunta só o 3 %. O que pedimos é ter establecido, por lei, canto imos dispoñer das outras Administracións e que se incremente esa porcentaxe porque non é suficiente. Non pode ser que se reciba o mesmo da Deputación que da comunidade autónoma.
—Na asemblea debaterán unha maior participación dos concellos na elaboración de leis. Que significará isto?
—Non é en todas as leis, pero si naquelas que sexa imposición de novas competencias ou nas que nos corresponda xestionalas. Por exemplo, a decisión da Xunta de que, en casos que consideren estratéxico, dar eles as licencias urbanísticas.
— É unha competencia municipal. Hai risco de que esta decisión teña consecuencias xudiciais?
—Se as Administracións locais ven que outras toman decisións que invaden as nosas competencias, de maneira unilateral e non negociada, pode dar lugar a iso. É unha mágoa ter que acudir aos xulgados por algo que se podería resolver nunha mesa política.
La Fegamp reprocha que Rueda no haya tenido en cuenta a los concellos en su discurso
«A política sempre ten que ser a solución»
—Que lle parece a denuncia do alcalde de Oleiros sobre a falta de representatividade na Fegamp dos partidos independentes?
—Teñen que poñerse de acordo para poder ver quen é a voz de todos; os estatutos da Fegamp están aí. Nós tratamos de representar a todos os concellos. Cando reclamamos cousas para concellos de 5.000 persoas non pensamos nas cores políticas, senón nos veciños.
—Terán un ollo posto na sesión de investidura. Cre que todo o que rodea a lei de amnistía pode prexudicar o novo Goberno?
—Creo que hai que ter prudencia, sobre todo os cargos públicos, nas declaracións que se fan. Falar de que o presidente do Goberno teña que irse no maleteiro dun coche, con esta linguaxe incendiaria e belicista, non axuda a ter un debate sereno. Temos unha lei de amnistía que todo o mundo debería ler. No PSdeG trataremos de estar sempre na solución, que era necesaria para ese clima de crispación en Cataluña. A política sempre ten que ser a solución.
—As próximas eleccións serán as galegas. Repercutirá nelas o ambiente que rodea a investidura?
—Algúns estarán interesados en que non se fale de Galicia, tratando de desviar a mirada para tapar as carencias. Estou convencido de que serán en clave galega. E tamén que no PSdeG levamos un magnífico candidato cun proxecto apaixonante para todos os galegos que reverta esa sensación de parálise que temos na nosa comunidade autónoma.