The Queen Symphony nos Atardeceres do Gaiás

0 / 5
Añadir a favoritos

O ciclo de concertos ao solpor Atardecer no Gaiás despide o mes de xullo coa estrea en Galicia da Queen Symphony, reinterpretación de carácter sinfónico dos éxitos da mítica banda inglesa, composta en 2002 por Tolga Kashif. Será da man da Banda Artística de Merza acompañada polo coro vigués Gli Appassionati. Deste xeito, a Praza Central da Cidade da Cultura acollerá este venres, día 27,  un cento de instrumentistas e voces que permitirán escoitar dun xeito totalmente diferente e novidoso os temas da formación liderada por Freddie Mercury.

Baixo a batuta de David Fiúza, o concerto será ás 21 horas e de balde, coma todos os do ciclo Atardecer no Gaiás e inscríbese dentro da ampla programación de celebración dos 190 aniversario da Banda Artística de Merza.

Coa composición Queen Symphony, o londiniense Tolga Kashif tratou de expresar no ano 2002 a esencia orixinal da música de Queen, mais procurando reinventar no lugar de orquestrar. A estrea mundial foi no Royal Festival Hall coa Royal Philharmonic Orchestra e a ela asistiron os membros de Queen Brian May e Roger Taylor, así como a nai do finado Freddie Mercury, Jer Bulsara. O CD resultou ser un grande éxito, acadando con regularidade estar entre os  10 Top internacionais da época.

No Atardecer no Gaiás deste venres poderase gozar cos arranxos realizados en 2005 por Erik Somers. Así, na primeira parte, interpretaranse temas como Radio Gaga, Show must go on, One world, one vision, I was born to love you. Na segunda é a quenda do lírico Love of my life, que deu orixe a un concerto de piano que é invadido pola Another one bites the dust e Killer Queen como un dúo en forma de protesta. A continuación, nun diálogo entre o violín e o violoncello, interpretarase Who wants to live forever, que poñerá fin a este solpor tan especial do ciclo.

Voces femininas: Mordem e Nastasia Zürcher

No entanto, antes desta actuación, abrirá Atardecer no Gaiás do xoves, día 26, a artista galega Mordem. Gañadora do proxecto Demo de Radio 3 co seu anterior proxecto, Jane Joyd. A compositora e intérprete da Coruña Elba Fernández regresa con sons máis próximos ao trip hop, ao dreampop ou ao R&B… atravesados todos eles por pianos contemporáneos que farán única a chegada da noitiña na Cidade da Cultura.

Nastasia Zürcher pechará o sábado, día 28, o ciclo de concertos ao aire libre desta semana e tamén do mes e xullo. A cantante e compositora galega-suíza galardoada na categoría de música negra nos Premios Martín Códax ofrece ritmos que van desde o groove descarado con aires de neo-soul ao afro-pop-folk, guiados sempre pola súa voz inconfundible.

Estes tres concertos forman parte das 21 actuacións entre xullo e agosto do programa de Atardecer no Gaiás 2018, unha edición que este ano se caracteriza —ademais de por unha maior presenza das músicas urbanas— pola aposta por voces femininas —como demostra a actuación de Mordem e Nastasia Zürcher esta semana— e que conta coa colaboración do Inaem e patrocinio de Cervezas Alhambra e de A Cantina do Gaiás, no caso das sesións con Dj.

enSantiago¿Quieres que tu empresa o negocio se anuncie aquí y formar parte de nuestra gran familia?