Inauguración “Corpoética” e “Venus en el despeñadero”

0 / 5
Añadir a favoritos

Contador de visitas y estadísticas

visitas desde 19/07/2016

A Fundación Eugenio Granell inaugurará o hoxe xoves, 12 de abril, ás 20:00 horas, as exposicións “Corpoética“, de Claudio Rodríguez Fer, e “Venus en el espejo (inspirado no poema “Venus en el despeñadero” de Eduardo Anguita)”, de Magdalena Benavente. A primeira mostra está comisariada polo propio artista e a segunda por Natalia Fernández Segarra, directora da Fundación Granell. Ambas poderán visitarse ata o 10 de xuño.

Corpoética é unha mostra de poesía verbal, visual,  obxectual, corporal, postal e audiovisual. Dividida en catro seccións temáticas, a primeira delas, UTOPÍAS, xira ao redor de visións surrealistas que derivan da pureza da infancia e da  animalidade salvaxe. A sección de  CORPOEMAS ten como eixo central a materia corporal en busca da liberdade e a liberación. Pola súa banda,  CINEPOESÍA é o resultado da unión de fotogramas, textos ou fotografías desde o cinema mudo ao cinema de autor. Por último,  HIDROMEMORIA constitúe unha homenaxe ao xenio surrealista Granell, ao pai do poeta e a todas as persoas perseguidas polo fascismo.

Claudio Rodríguez Fer naceu en Lugo en 1956. Dedica a súa carreira á produción literaria en xéneros como poesía, narrativa, teatro e ensaio. Así mesmo, exerce a docencia  na Universidade de Santiago de Compostela (USC) na que ostenta a Cátedra  José Ángel  Valente de Poesía e Estética. É doutor  Honoris Causa pola USC en 1999 e pola Universidade de Rennes en 2012. Entre as súas obras destacan: “Historia de la Luna” (1984); “La boca violeta” (1987); “Cebra” (1988); “A una mujer desconocida” (1997), e “Rastros de vida y poesía” (2000) en colaboración con Eugenio F. Granell. Ademais, a Fundación proporcionoulle obras inéditas de Granell, que formarían parte do seu poemario “Icebergs” (2015).

Venus en el  despeñadero (inspirado no poema  Venus en  el pudridero de Eduardo  Anguita). A mostra de Magdalena  Benavente  componse de 18  colaxes realizadas en técnica mixta e unha peza de  videoarte. A artista crea inquietude a través da cor xerando pequenos mundos en cada peza. A colaxe é a técnica máis utilizada pola artista para  autorrepresentarse. A liberdade e soltura do soporte xogan unha sorte de azar que desemboca en obras con formas simbólicas e un forte erotismo. O discurso pasa por unha vinculación co  obxectual como fetiche en relación ao acto sexual, dando lugar a traballos cunha importante carga poética e máxica.

Magdalena  Benavente naceu en Santiago de Chile no ano 1965. Ao longo da súa carreira, interesouse no estudo da filosofía, tarot, e interpretación dos soños, o que lle acerca de forma directa á corrente surrealista. Forma parte da asociación Mujeres en las Artes Visuales e do Grupo Surrealista Derrame da súa cidade natal, que edita a revista do mesmo nome e do que xa se realizou a exposición Derrame Cono Sur o El Viaje de los Arganautas na Fundación Granell, no ano 2005 -que non só reunía a artistas de Chile, senón tamén invitados de Arxentina e Brasil-. Roberto Matta, gran referente do grupo Derrame, é o artista surrealista máis representativo de Chile, a súa obra forma parte da colección surrealista de Eugenio Granell.

Nos anos 2009 e 2010 participou de forma destacada na Exposición Internacional do Surrealismo El Umbral Secreto, percorrendo diversas cidades do seu país natal. Actualmente vive no balneario de  Algarrobo en Chile, onde está inmersa na escritura dun novo libro de poemas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

enSantiago¿Quieres que tu empresa o negocio se anuncie aquí y formar parte de nuestra gran familia?